18 nov Rolda Prensa “Mulleres en Acción: ViolenciaZero”
DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Organizamos un proxecto de acción artística en 10 concellos, con motivo do Día Internacional da Violencia de Xénero. Co título de “Mulleres en acción: #violenciaZero” impulsamos performances artísticas en Caldas, Cangas, Lalín, Moaña, Pontevedra, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía
Carmela Silva agradece a implicación dos concellos participantes, subliñando que “son de todas as cores políticas porque todas e todos unidos temos que ir da man na loita contra esta terrible lacra social” A Presidenta, Carmela Silva, xunto coa deputada delegada en igualdade, Isaura Abelairas, a comisaria da acción, Paula Cabaleiro, e as artistas participantes, deron a coñecer “Mulleres en acción: violencia zero”, un proxecto de acción artística contemporánea simultánea no espazo público de 10 concellos da provincia. En concreto, Caldas, Cangas, Lalín, Moaña, Pontevedra, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa son os concellos nos que se organizarán performances para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero que é o 25 de novembro. Carmela Silva destacou que “no que levamos de 2015 foron 48 as mulleres asasinadas polas violencias machistas polo que a través de “Mulleres en acción: violencia zero” queremos reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da violencia machista no noso país, impulsando e dando visibilidade, ademais, as artistas novas galegas, mulleres que ocupan un espazo moi relevante no mundo artístico e cultural e que, ademais, teñen un compromiso claro coa igualdade e loita contra as violencias machistas”.
A presidenta engadiu que o proxecto quere “facer partícipe á cidadanía, que será co-creadora das pezas colectivas nos distintos espazos públicos, co obxectivo de impulsar a reflexión crítica social e incentivar a integración de mulleres e homes na loita contra unha realidade que nos afecta a todas e a todos”. As performances serán compartidas en tempo real desde o noso perfil en Twitter (@depo_es), coa etiqueta #ViolenciaZero e mencións ós concellos e artistas participantes. Ademais, e dun xeito máis sumarial e con maior detalle, irase publicando máis información en Facebook e nas outras redes sociais da institución provincial, que recollerán o acaecido en cada acto celebrado nos concellos participantes. Silva tamén subliñou que a partir de hoxe farase visible o blog creado para o proxecto: https://mulleresenaccion25n.wordpress….
“Mulleres en acción. Violencia Zero” estará integrado polas accións artísticas de 11 creadoras galegas novas que realizarán 8 propostas inéditas que reflexionan de xeito crítico sobre a problemática da violencia de xénero.
Desta forma, a axenda prevista para o 25 de novembro é a seguinte:
– Pontevedra: Ana Gesto intervirá ás 12:00 horas na Praza da Peregrina coa súa acción “Nin unha menos”.
– Vigo: Carme Nogueira dará a coñecer ás 19:00 horas na Rúa do Príncipe o proxecto “Not for sale: feminism and art in the USA during the 1970s”.
– Cangas: Rosa Neutro intervirá ás 12:30 horas na fachada do Concello e ás 19:00 no Centro Municipal de Benestar coa súa acción “Empatía”.
– Moaña: Mery Pais difundirá “O perfecto imperfecto” ás 12:00 horas na Praza de Abastos.
– Vilagarcía de Arousa : Adriana Pazos e Iria Acevedo darán a coñecer “Cogombros en vinagre” ás13:00 e 19.30 horas no Salón de Plenos do Concello.
– Redondela: Ánxela Blanco presentará ás 12:00 no Concello “Penélopes”.
– Tui: Neves Seara dará a coñecer “Amante de sal” ás 12:00 horas na Praza da Catedral.
– Caldas de Reis: Paulova presentará “Merengue” ás 12:00 horas no Paseo Román López.
– Tomiño: Laura Piñeiro, durante todo o día, dará a coñecer “Estrategias para el desvelo” na Praza do Concello.
– Lalín: Monica Mura presentará “Ámame, non me ama” ás 12:00 horas na Praza da Igrexa e ás19:00 horas no Centro Comercial.
Texto oficial de presentación de la rueda de prensa en la Deputación de Pontevedra.
Sorry, the comment form is closed at this time.